Espello negro

Rita Magalhães

Espello negro / Rita Magalhães

Ano 2017

A fonte da mirada pura

A fotografía de Rita Magalhães foi, desde o seu inicio hai case dúas décadas, percorrida por un intenso, desmedido desexo de pintura. Coma se a artista comprendese que, desde sempre, a memoria da pintura como tradición de producir imaxes inevitablemente habitou na fotografía como escena primitiva. E coma se, a través desta última, buscase constantemente volver sobre esa escena primeira, fundadora, orixinal e orixinaria.
Así, esta mirada da artista vai percorrendo o mundo, vendo ao seu ao redor, curiosa como a do neno que busca en cada cousa o seu signo máis secreto, a porta que se abre a uns poucos, o aviso discreto de que algo se aproxima e divísase de lonxe, ao mesmo tempo tenro e violento, como no entreabrir das pálpebras despois do soño, pero antes de espertar.
Unha mirada así case non se ve, pasa desapercibida. Nin cando se proxecta, como aquí, súbitamente dilucidando outro sentido para as imaxes. Pasa silenciosa entre as cousas e apenas se pousa nelas, case non as toca, só sente a súa presenza e sorpréndea, volvéndoa táctil, visible, baixo unha luz dispersa que revela todo o que esconde. Unha mirada así devolve ás cousas o seu misterio, non as quere debuxadas e nítidas, ou abstractas, senón máis ben cheas de simbolismo e distancia, operando como axentes de metamorfoses. Transfigura.
Por iso as cidades que ve teñen distancias, luces, po de ouro, unha bruma que disolve os contornos das cousas como a humidade que sobe do mar ou do río, e que parece transformalas coma se estivesen baixo a luz difusa dalgunha aparición. As cidades fúndense, alucinatorias case se derriten, os seus personaxes son líquidos e atravésanas coma se perdesen nelas a forma da enteireza. E a propia luz é un manto que se estende baixo a mirada. Non hai contornos senón cores, manchas, xordas reverberaciones de luz e de atmosfera baixo un enigmático prisma. E na era da fotografía, Rita Magalhães pinta coas súas fotografías sen ver niso ningún problema, senón pola contra, porque nun plano máis íntimo, que é o da imaxe, nada diferencia a pintura da fotografía, máis ben unha faise eco na outra…..

 

Bernardo Pinto de Almeida