JAVIER CAMPANO: A MELANCOLÍA CONTAXIOSA
Javier Campano (Madrid, 1950) é un fotógrafo do azar e a memoria, un viaxeiro da mirada capaz de atopar unha imaxe extraordinaria á volta de calquera esquina. Campano é un paseante que ama a rúa e, sobre todo, sabe transcendela coa seu elegante e sutil mirada. Recordo moi ben a tarde que atopei no seu inesgotable arquivo as primeiras fotografías de Última sesión. Aqueles cinemas desaparecidos, cos seus carteis e películas, aquelas rúas da miña cidade, Madrid, resucitaron ante os meus ollos cunha desbordante melancolía, esa emoción crepuscular que non debe confundirse coa nostalxia e que, segundo Campano, é inherente á fotografía. Á súa, sen dúbida.
Que lle atraía tanto a Campano dos cinemas de Madrid ou das cidades que visitaba? As vellas salas sempre tiveron nomes evocadores (Coliseum, Capitol, Imperial…), pero ademais estaba a arquitectura daqueles palacios da ficción onde todo era posible.
Campano sempre seguiu a pista do que el chama “a cidade gráfica”; as letras, os números e os letreiros que conforman unha segunda pel urbana na que non todo o mundo repara. E nesoutra pel, o antigo cartelismo dos cinemas configura un Olimpo único. Os carteis das fachadas dos cinemas eran xigantes da arte efémera que reclamaban en plena rúa un mundo de heroes e aventuras, de traxedias e fantasías. As estrelas de Hollywood, ás veces irrecoñecibles, estaban aí, apuntando aos transeúntes desde esas atalaias rueiras que aos poucos se foron encartando e esquecendo. Os cinemas de Última sesión fixéronnos felices e recuperalos neste libro, deseñado por Bruno Lara para This Side Up, a editorial que dirixe onda Cecilia Gandarias, ábrenos outra vez o pano da nosa imaxinación.
A idea de facer unha exposición co material reunido neste libro dálle unha nova dimensión a un proxecto que expomos desde a admiración pola obra de Campano. Tamén por amor ao cinema e ás rúas nas que tanto vivimos. Adoita ser ao revés: facer un libro como epígono dunha exposición. Pero neste caso, e grazas á visión de Miriam Vilaseco e á sempre atenta complicidade de Pilar Lapastora, compañeira e man dereita de Campano, a viaxe é o contrario.
No libro, tamén colaboraron con textos inesquecibles os cineastas Juan Cavestany e Juan Antonio Bayona. “Eu non sabía que lembraba estas imaxes perfectamente. Polos pelos non estou a pasar nese momento por diante dos carteis de Quenlla 3, Herbie, Vermellos, No estanque dourado ou Fuga de Alcatraz. Caras fragmentadas de veciños imposibles, moi parecidos a actores, asomándose ás rúas do centro e do barrio que pateaba Campano”, escribe Cavestany. Bayona rende, pola súa banda, un tributo ao seu pai, pintor de carteis de películas: “Imaxino a súa man, manexando o pincel, trazando un destino que non era o seu. Non foi un pintor recoñecido. Non colgou en museos. Pero foi o artista máis influente da miña carreira. E no seu murais encontro algo máis importante que a fama: unha ponte. Un trazo. Un soño que non morreu. Só cambiou de mans”.
Onda Miriam, seleccionamos 28 fotografías de Última sesión que son puro Campano, entre o documento e a poesía, entre a memoria e o azar. Está a súa beleza e elegancia intemporal, o seu sentido da harmonía, o seu gusto pola gráfica e polos detalles nos que case ninguén repara. Compoñen a alegoría dun mundo suspendido a piques de crebarse, as rúas con tanta vida, ás veces as súas sombras e sempre os cinemas e os seus soños. A melancolía e a beleza de Campano son contaxiosas e as súas fotografías, as dun viaxeiro ata na súa propia cidade, rumorean emocionantes segredos.
BIOGRAFÍAS
Javier Campano
Javier Campano (Madrid 1950), de formación autodidacta, comezou a dedicarse profesionalmente á fotografía en 1975. Os seus inicios están ligados á revista Nueva Lente, unha publicación que rompe coa visión humanista e documental que dominaba nese tempo, buscando aproximacións azarosas e subxectivas aos motivos recolleitos pola cámara. Neses anos de cambio xorde en Madrid unha nova xeración de fotógrafos con marcadas diferenzas estilísticas pero un común interese por retratar mundos próximos, sobre todo as figuras e escenarios do Madrid aberto e pletórico no que viviron, en estreita relación amigable e creativa con outros artistas, escritores, cineastas e músicos.
Desde entón, a cidade e os interiores urbanos foron os protagonistas das imaxes de Campano. Madrid, Lisboa, París, Nova York, Tánxer, Sevilla, Buenos Aires… acaban sendo nas súas fotografías unha mesma cidade chea de rótulos anticuados, sombras, reflexos, fragmentos, observados coa distante proximidade dun paseante que, como o propio fotógrafo di de si mesmo, “procura viaxar, mesmo dentro da súa mesma cidade, facer fotos do que non lle interesa a case ninguén, e sempre reflectir algún recordo do ambiente no que vive”.
Realizou numerosas exposicións tanto individuais como colectivas entre as que cabe destacar a retrospectiva Javier Campano. Hotel Mediodía, que no ano 2004 dedicoulle o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; Campano en Color na sala Canal de Isabel ll, Madrid, 2017; El ojo errante no Museo Lázaro Galdiano, Madrid, 2022 ou Javier Campano. Barrios. Madrid 1976-1980 na Sala El Águila en 2024. Foi galardoado co Premio Cultura 2013 na categoría de Fotografía concedido pola Comunidad de Madrid.
Elsa Fernández-Santos
Elsa Fernández-Santos (Madrid, 1968) leva máis de tres décadas dedicada ao xornalismo cultural. Especializada en cinema, desde 2019 exerce a crítica no diario El País, onde desenvolveu a súa carreira desde 1993. Como investigadora e comisaria, colaborou en exposicións e publicacións co Arquivo Lafuente, e con institucións como La Casa Encendida ou o Museo Lázaro Galdiano. En 2015 obtivo o premio Paco Rabal de xornalismo por unha reportaxe sobre os actores secundarios en España e participa no programa de La2 Historia de nuestro cite. Estivo a cargo da edición das memorias de Carlos Saura, De imágenes también se vive, premio Muñoz Suay 2025 da Academia de Cinema, e en 2024 impartiu no Museo del Prado a conferencia Centauros del cinema y del Prado. Tamén escribiu en publicacións como Vogue, Harper’s Bazaar ou El Estado Mental e, entre outros, nos libros Francisco Regueiro: la importancia del demonio, Quijote Liberado e Clásicas, modernas e extrañas: Historia feminista del cine. É autora do relato gráfico La lámpara e de Entrevistos. Manolo Blahnik, unha conversación co soado zapateiro, con quen colaborou no seu libro Fleeting Gestures and Obsessions nun diálogo entre Blahnik e Pedro Almodóvar. O seu proxecto máis recente é a edición do libro de fotografía de Javier Campano Última sesión (This Side Up), sobre as vellas salas de Madrid e o cinema como unha experiencia rueira.