Grazas á carencia de contaminación luminosa e ao espazo aberto, Mouricios é un lugar perfecto para a observación astronómica. Os encontros de astronomía e arte organizados por Vilaseco están dirixidos a persoas de todas as idades interesadas en achegarse ás estrelas e constelacións, aprendendo as bases para orientarse no ceo nocturno da man de afeccionados e profesionais da Agrupación Astronómica Ío. O próximo 16 de xuño, terá lugar a primeira observación.

Aprenderemos a recoñecer algunhas constelacións características do ceo de verán e a orientármonos coa axuda do firmamento. Coa axuda dos prismáticos observaremos algúns obxectos de ceo profundo, entre eles a estrela Rosalíadecastro, que asoma no ceo xa dende primeira hora da noite.

Durante a observación iranse explicando cuestións científicas sobre o ceo enriba das nosas cabezas (tipos de estrelas, evolución estelar, etc) así como diferentes aspectos da cultura e as tradicións asociadas ao firmamento. Convídase ás persoas que asistan a que traian os seus propios prismáticos, se dispoñen deles, para a observación de obxectos de ceo profundo.

Reunirémonos o 16 de xuño ás 22:30 horas, no Espazo Vilaseco, en San Cristovo de Mouricios, para saír desde alí camiñando uns 10 min ata o prado onde realizaremos a observación.

Recomendacións prácticas: De noite baixan significativamente as temperaturas, mesmo nos días do verán, e en particular nótase máis o frío ao estarmos de pé quietos nun espazo aberto, así que convén levar roupa de abrigo. Sempre é preferíbel levar roupa de máis que de menos. Levar algunha bebida quente pode ser útil a certas horas. Para gozar ao máximo do ceo é necesario adaptar a visión á escuridade, polo cal debe evitarse o uso de lanternas, móbiles, faros de coches e outras fontes de luz. O uso de luces afecta a toda a xente que temos arredor porque estraga a súa adaptación á escuridade. Non pasa nada por estar unha hora sen mirar as redes sociais! Poden asistir nenos/as de todas as idades sempre que vaian acompañados dun adulto. A organización conta cun número limitado de prismáticos, cedidos pola Agrupación Ío, se ti os tes na casa, tráeos!

Venres 16 de xuño ás 22:30 horas
Plazas ilimitadas ata completar aforo. Confirma a túa asistencia neste formulario.

Lugar
Espacio Vilaseco
San Cristovo de Mouricios, 2
27510 Chantada Lugo
43º 00’ 36.0’’ N 7º 33’ 41.0’’ W

Coa colaboración de: