Vilaseco na aldea
“Vilaseco na aldea” xorde despois de anos de traballo, experimentacións e reflexións acerca da arte e da produción artística contemporánea. O seu nacemento é o resultado de pensar sobre que, cano e como se pode mellorar a relación entre a arte actual e a sociedade, achegándonos a todas as realidades que existen en Galicia.
Un dos obxectivos principais de “Vilaseco na aldea” é desligar a arte contemporánea como exclusiva dos entornos urbanos, a través dunha serie de actividades e propostas que posicionen o rural como axente promotor. Partindo da experiencia do Laboratorio Creativo Vilaseco, esta nova proposta busca instaurar un lugar aberto á arte contemporánea, onde continuar a promover a arte, incorporando novos formatos a través da reflexión, o debate e a convivencia co medio rural.
O proxecto “Vilaseco na aldea” busca crear unha rede de recursos compartidos entre todos os ámbitos. O mundo urbano precisa do rural, tanto como o rural precisa do urbano, e isto quere ser un primeiro paso neste camiño que defina o futuro das nosas comunidades.
Programación
Residencia artística
O obxectivo principal de “Vilaseco na aldea” é poñer a disposición da comunidade un espazo de produción artística no que observar e comprender diferentes procesos de creación contemporánea. Unha das súas actividades é a creación dunha residencia artística, que nesta ocasión contará con Pablo Diserens como residente.
Pablo Diserens (1994) desenvolve a súa práctica artística nos ámbitos da música e a grabación de campo, dedicándose ás realidades non humanas, a escoita atenta e as posibles formas de coexistencia entre especies. Cun achegamento multidisciplinar ás prácticas sónicas, textuais e visuais, o seu traballo pón en primeiro plano as características biolóxicas e xeolóxicas dos entornos que explora.
Astronomía e arte
Grazas á carencia de contaminación luminosa e ao espazo aberto, San Cristovo de Mouricios é un lugar perfecto para a observación astronómica.
Os encontros de astronomía e arte están dirixidos a persoas de todas as idades interesadas en achegarse ás estrelas e constelacións, aprendendo as bases para orientarse no ceo nocturno da man de afeccionados e profesionais da Agrupación Astronómica Ío. Ademais, vincularase a astronomía ao cinema a través dunhas xornadas dirixidas pola programadora e cineasta Andrea Franco.
Encontro de comisarios “Dende a diferenza”
A aldea de San Cristovo de Mouricios é un lugar de encontro dende o que incentivar e potenciar o rural como lugar activo dentro das industrias culturais. Para que esta actúe como centro de debate, reflexión e coñecemento, presentamos o encontro de comisarios “Dende a diferenza”.
Dirixido por Ángel Calvo Ulloa, este encontro desenvólvese como un ciclo cultural onde comisarios nacionais e internacionais son invitados a coñecer o contexto da arte contemporánea en Galicia, visitando talleres de artistas, museos ou fundacións.
Liño e arte
O cultivo do liño posúe un gran valor etnográfico, con presenza na cultura popular e o patrimonio inmaterial de toda a comunidade. Como a maioría de tarefas agrícolas en Galicia, esta foi realizada maioritariamente por mulleres, que hoxe conservan na súa memoria as formas locais de produción e transformación.
A plantación do liño e a súa investigación previa, realizada polo arqueólogo Manuel Rodríguez Calviño, ten como finalidade retomar este cultivo tradicional e recuperar da memoria das mulleres rurais a súa produción e aproveitamento para a obtención dun produto sostible e local.
Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU