Traza

ÁLVARO NEGRO

24 NOV 2022- 27 XAN 2023

Traza é a primeira exposición individual de Álvaro Negro en Galería Vilaseco. Para esta mostra seleccionáronse un total de 11 pezas inéditas, todas elas pintadas nos últimos meses no estudo do artista na Agolada (Pontevedra) e na mesma liña de traballo que o proxecto pictórico emprendido en Roma, tras o seu paso pola Real Academia de España. Obras de carácter abstracto, que evocan a unha tradición da pintura occidental tan irmandada na historia como a italiana e a española. O artista cita algunhas obras de referencia de Giotto ou Lorenzo Lotto, tanto pola paleta cromática como por unhas texturas que teñen moito que ver coa observación detallada da pintura ao fresco.

Nas obras desta exposición tamén se pode observar unha volta á pintura realizada polo artista nos seus comezos, como os cadros da serie Traza, esencialistas na mera utilización do grafito e a veladura, tal e como ocorría en cadros como Candán (1996), cuxo título fai referencia ao sistema montañoso homónimo, paisaxe da infancia de Álvaro Negro. Tamén hai trazos doutro dos seus referentes claves, Lucio Muñoz, pintor ao que coñeceu nun obradoiro impartido na Coruña para artistas novos, e con quen remataría por colaborar na realización do seu último mural, La ciudad inacabada (1998), sito no hemiciclo da Asamblea de Madrid. Esta experiencia sempre foi reivindicada por Álvaro Negro como momento clave da súa formación artística. Nalgunhas obras desta exposición hai homenaxes claros ao pintor madrileño, tanto polo uso da materia pictórica, con cadros de gran releve e empaste, como por cromatismos que tamén referencian a tradición da pintura española de esencia máis espiritual.

Na mostra tamén se poden ver algunhas pezas integradas con marcos antigos; hai xa uns anos que Álvaro Negro os introduce nas súas obras facendo que interactúe o clásico co contemporáneo.

“Eu introduzo un obxecto con códigos doutra época e trabálloo dende o ollar contemporáneo, creándose unha unidade nova onde hai unha ensamblaxe de época, un entrecruzamento… non me interesa como reto pictórico. O marco é un elemento ontolóxico da pintura e é moi atractivo asumilo dunha forma contemporánea”.

A mostra terá continuidade nunha coidada publicación con texto de María de la Vega, que Edicións Vilaseco presentará proximamente.

A mostra ten continuidade en Traza, unha coidada publicación con texto de María de la Vega. Os 120 primeiros exemplares conforman unha edición especial acompañada dunha peza única do artista.