Transformar a arquitectura
Esta selección de traballos dos últimos anos parten dun labor de observación e documentación de arquitecturas industriais ou en estado de latencia construtiva. Espazos que se empregan como lenzos para realizar intervencións a través de estruturas pictórico-escultóricas.
Os materiais de intervención proveñen, na súa maioría, de restos de construción abandonados. Estes entullos posúen unha memoria e unha estética (forma, cor, volume). Descontextualizados e alterados, son dotados dun novo presente.
As obras presentadas en pequeno formato (serie Colaxe Urbana) son pequenas ensamblaxes escultóricas que nos permiten entender a natureza dos elementos de base e a súa combinación, ata atopar un punto de forza-equilibrio.
As obras que se presentan en gran formato empregan estes refugallos reciclándoos para reconstruílos nun novo contexto arquitectónico, xerando un diálogo horizontal co espazo en disposición e escala.
Re_construción é unha das series resultantes deste proceso no cal prima o traballo cos materiais, modificados en cor e forma para encaixar nun composición pictórica, e a súa instalación en espazos industriais, buscando a harmonización entre contido e continente.
O proceso finaliza coa fotografía da intervención, a partir dun traballo sobre a luz e o punto de vista, buscando a tensión nun desequilibrio controlado da localización dos elementos na arquitectura e a dualidade entre as tres dimensións do espazo e as dúas dimensións da fotografía.
A obra resultante, presentada en gran formato, aglutina todo este proceso e permite ao espectador penetrarse na experiencia da transformación da arquitectura.
Nicolás Combarro