Múltiples. Colectiva

COLECTIVA

5 ABRIL – 15 MAIO 2024

Do 5 de abril ao 15 de maio de 2024 podese visitar na Galería Vilaseco a exposición colectiva Múltiples, unha mostra que recolle edicións limitadas de Alberto García-Alix, Álvaro Negro, Antonio Murado, Berta Salinas, Bernard Plosu, Carla Souto, Gloria García Lorca, Ignacio Llamas, José Pedro Croft, Leopoldo Novoa, Lois Patiño, Luis Díaz Díaz, Mayte Vieta, Manuel Vilariño, Nicolás Combarro, Nico Munuera, Ramón Masats, Regina Giménez, Rita Magalhães, Rodríguez-Méndez y Vari Caramés.

A obra de arte múltiple parte dun concepto ou dunha idea que se reproduce un determinado número de veces. Establécese un xogo entre o único e a copia da peza orixinal, entre a obra de arte e o amplo abano de edicións limitadas. Con esta mostra, Vilaseco subliña a importancia de poñer en valor as edicións a favor dunha recollida máis accesible e da apertura de diálogos arredor da obra de diferentes creadores que non necesariamente son contemporáneos nin comparten discursos.

Edicións Vilaseco (2024)
Abren a exposición un total de 25 fotografías da serie Caixas de música de Luis Díaz Díaz. Dende o ano 2008, o artista revisita e documenta os espazos de celebración do rural galego e os seus palcos de orquestra. (…) Parte de esta xenealoxía do popular é arquivada de xeito sistemático pola mirada de Luis Díaz Díaz.

A través do seu proxecto podemos reconstruír unha cartografía de parroquias, campos da festa e comisión imaxinando os itinerarios percorridos dende 2008 superpoñéndoos a un territorio de diferentes densidades de coordenadas, palcos e romarías. Os baleiros neste mapa non falan de ausencias senón de fitos aínda por rexistrar, convidándonos a asumir tamén esa tarefa. Un arquivo vivo que non só nos fala das construcións, senón de todo o que elas conteñen, onde ler a súa evolución, pero sobre todo que nos convida a reconstruír todo aquelo que queda fóra de foco, noutro tempo pero no mesmo espazo.(…) Antonio Giráldez

Na mesma sala, suspendidas do teito e das paredes atopamos catro pezas téxtiles de Berta Salinas, realizadas con teas de distintas cores e texturas, colgadas e estiradas ata o teito formando diferentes formas de protexernos, de aí o título: Amparo. Cada Amparo vén gardado e dobrado sobre si mesmo, nunha caixa cadrada de aceiro inoxidable acompañada dunha publicación en papel e un texto da historiadora da arte contemporánea Ana G. Chouciño:

(…) Retrincos de algodón, liño e seda; gramaxes, tramas, brillos e mates. Berta une os tecidos de dous endos, dialogan entre eles, invocan aos vellos panos desgastados; tamén ao oco xerado entre nós e as tendas de campaña, onde sentimos a salvo. Seis ollais bordados por ela rachan cada unha das teas. A través dos buratos penetran os ventos: tiras longas e estreitas, como as que suxeitaban os mandís ás cinturas das nosas avoas, sosteñen agora as teas ante o baleiro. A súa tensión, variable e supeditada á nosa forza e ás nosas ganas, modifica unha superficie cálida e flexible: pode ser lenzo en branco, pero tamén abrigo.(…)

Gabinete #20anosgaleríavilaseco
Gabinete de obra gráfica e fotografía co que Vilaseco homenaxea a algúns/unhas artistas que formaron parte da historia da galería ao longo dos seus 20 anos de actividade expositiva, consolidando así o compromiso coas edicións múltiples.

Descargar Folla de Sala (PDF)