Lotto. Enrico della Torre

Inauguración: 18 de setembro, 20 h

18 setembro- 20 novembro 2026

O traballo de Enrico Della Torre (Italia, 1988) articúlase arredor dunha investigación sobre as posibilidades e os límites da pintura como linguaxe e como práctica. A súa obra constrúese a partir dun diálogo constante entre o espontáneo e o premeditado, entre o xesto e a estrutura, entre a decisión consciente e aquilo que xorde como consecuencia do azar. As liñas xestuais, os recortes intuitivos e as superficies monocromas de carbón negro conviven nun equilibrio inestable que fai visible a propia condición procesual da pintura.

Unha faceta fundamental da súa práctica parte da recuperación de fragmentos procedentes de pinturas descartadas ou inacabadas. Desprazados do seu contexto orixinal e reincorporados a novas composicións, estes fragmentos adquiren unha autonomía inesperada. A súa yuxtaposición produce relacións de luz e sombra, interrupcións e novos espazos dentro do plano pictórico. A pintura aparece así como un territorio susceptible de ser desmontado, reorganizado e reinterpretado.

O azar e o accidente desempeñan un papel decisivo neste proceso, introducindo unha certa imprevisibilidade na toma de decisións. É nese marxe de indeterminación onde atopan o seu lugar o xogo, a ironía e a autocrítica. O artista intervén a miúdo sobre aquelas zonas que considera máis logradas ou que cre comprender mellor, mentres opta por preservar aquelas nas que permanecen abertas a dúbida e a incerteza. Deste xeito, a inseguridade deixa de ser un obstáculo para converterse nunha ferramenta de investigación.

Na práctica de Della Torre, o desencanto cara aos discursos establecidos convive cunha necesidade persistente de volver á pintura, xerando un espazo ambiguo onde a tradición funciona simultaneamente como punto de partida e como obxecto de sospeita. Construción e destrución, control e accidente, intuición e reflexión permanecen así en tensión, convertendo a pintura non tanto nun resultado como nun espazo aberto de investigación sobre as súas propias convencións, límites e posibilidades.

Saco as teas do estudo e lévoas ao céspede. Esténdoas no chan e vou movéndoas imaxinando posibles recortes. O espazo no que estou a traballar non é moi grande, o que me leva a pintar cada tea por separado sen que as demais estean visualmente presentes. Só ao poñelas deitadas no xardín podo velas todas. Ao pouco, deito-me enriba delas e miro cara ao ceo. Ao meu lado hai un libro que merquei hai un par de meses: Lorenzo Lotto: il richiamo delle Marche, un mapeado e análise das obras do pintor na rexión italiana das Marcas. Conta Vasari que, xa na súa vellez e acosado por constantes apuros económicos, Lotto decidiu en 1554 afastarse do mundano e retirarse definitivamente á rexión de Le Marche, instalándose no Mosteiro da Santa Casa de Loreto. Sábese que aquí, xa sen encargos, intentaba vender as súas propias obras a través dalgún marchante en poxas públicas, sen obter éxito ningún. As pezas que permanecen hoxe en Le Marche son, en boa parte, precisamente aquelas da súa última etapa: as que non logrou vender. Fronte a elas, destacan unhas poucas táboas de altar procedentes dos seus primeiros encargos xuvenís, pezas moito máis coñecidas e apreciadas polo público.

Tras varias visitas ás coleccións decidín concederme o permiso de entrar en diálogo con estas obras, facendo das teas un espazo liminar, unha conversa aberta co traballo de Lotto. No seu desenvolvemento, as composicións van desprendéndose dese punto de arranque a través dun proceso pictórico que desconfía do virtuoso e apunta a cuestionar os seus propios parámetros e gramática. A instalación concíbese como unha extensión do proceso: as pezas foron realizadas a medida para a sala e dispostas buscando un diálogo activo co espazo e coa percepción do visitante. A intención é posibilitar que o espectador experimente a proposta como un vehículo para a manifestación da súa propia sensibilidade, permitindo que emerxa aquilo que adoita permanecer inhibido, tanto emocional como culturalmente.

→