Antonio Murado. Lenzo

26 NOV 2021 – 25 FEB 2022

Con Lenzo, Antonio Murado (Lugo, 1964) presenta algunhas das pezas da súa obra máis recente e máis íntima, nunha mostra que inclúe unha serie de lenzos que se atopan entre a abstracción e o figurativo, entre o efémero e o duradeiro, entre o real e o imaxinado.

As pezas de Lenzo, traídas desde Nova York, lugar onde reside e traballa o artista, mostran a un Murado que segue atraído polo misterioso e en continua reinvención do proceso creativo. Unhas obras onde o formato, os materiais e a técnica son parte activa da obra.

“Este grupo de cadros é unha selección de obras que foron marcando o camiño do meu traballo no últimos catro anos. Cadros que gardei no meu estudo e aos que volvín con frecuencia para retomar direccións, lembrar sensacións e relatos ou simplemente para miralos.

Describen a evolución do meu interese pola capacidade simbólica do soporte material do cadro, tea e bastidor, coa introdución de elementos figurativos e a súa condición narrativa.

Como no resto do meu traballo máis recente, estes cadros gravitan cara á eliminación do accesorio e tentan destilar a esencia do sentimento máis denso e fundamental para así facilitar ao espectador o poder engadir a experiencia persoal, as súas intuicións e recordos, a súa capacidade de participar no suxerido.” Antonio Murado. Brooklyn, NY Novembro 2021

Unha exposición coa que a galería consolida a súa relación co artista que non deixa indiferente ao espectador, que nos achega ao universo dun dos artistas galegos máis consolidados na escena internacional da arte contemporáneo.

LIBRO DE ARTISTA

Coincidindo coa exposición preséntase un libro de artista de Antonio Murado. Unha singular e coidadosa publicación editada e publicada por Vilaseco, con texto de María de la Vega. O texto do libro é froito das conversacións mantidas entre a historiadora e o artista en diversas ocasións tras a súa visita no seu estudo en New Xersei en 2017.

“Estas breves reflexións sobre a obra de Antonio Murado forman parte dun libro que ten moito de metáfora visual. A metáfora dun lector que non se conforma coas imaxes que ve e arrinca follas para atopar entre as que quedan asociacións imposibles, ocultas pola disposición das páxinas. A metáfora dun libro antigo no que o branco do papel ten xa certa pátina ou dun libro destripado no que quedan ás descuberto imaxes que se tocan sen ningunha orde”. María de la Vega

Con esta publicación Antonio Murado adopta o libro como ferramenta de creación, como obxecto de arte co que rompe as regras do deseño editorial, xogando sen andrómenas co papel e as imaxes, a inmensa maioría fotografas realizadas polo propio artista que nos ensinan os espazos nos que pinta e traballa, como o seu estudo de New Jersey ou a súa cabana da montaña de Catskill, ao noroeste de Nova York.

Un libro do que se realizou unha edición de 1500 exemplares e que conta cunha edición especial de 150, encadernada a man cunha tea pintada polo pintor.