Estratos do instante / Lois Patiño
20 febreiro – 30 xuño de 2020
“Estratos do instante”, exposición individual do artista Lois Patiño formada por vídeos e fotografías, coas que reflexiona sobre o tempo e a imaxe e analizando o modo en que a imaxe se forma durante o tempo da mirada.
Así explica Lois Patiño o proxecto: «Ao diseccionar o tempo en estratos, as fotografías parecen buscar a forma de analizar a imaxe parali¬ zando o seu movemento. Ofrecendo un momento conxelado na catarse do instante. Unha imaxe é sempre unha extensión temporal da mirada. É, por tanto, sempre fugitiva. E adquire forma e velocidade no seu percorrido invisible ata alcanzar os ollos. Toda imaxe contén duración no seu interior: un átomo de tempo denso no centro de gravidade da imaxe. Entendo que o instante revelador dispárase cando esta cápsula de tempo viaxa, desde o interior da imaxe, ata o interior do espectador. É aí cando a imaxe – ou o tempo – estalan.
Centrando a nosa atención na relación home-natureza, dúas dimensións temporais entran en diálogo, varias liñas ábrense. Algunhas obras parten da inmobilidade da figura humana para destacar os movementos sutís da paisaxe: ritmos pausados que mostran así a súa poesía e misterio. Outros traballos exploran espazos de inmensidade na contorna natu¬ ral, onde se evidencia a insignificancia do ser humano, tamén en termos temporais. Esta redución de escala na representación humana lévanos ata a disolución do eu nun todo co espazo natural: home-montaña, home-catarata, home-neve. “Da evaporación ou da centralización do eu. Todo está aí.” Baudelaire»