Edicións Vilaseco

Álvaro Negro, Antonio Murado, Carla Souto, Gloria García Lorca, Irma Álvarez-Laviada,Manuel Vilariño, Regina Giménez e Rodríguez-Méndez.

17 MAR – 21 ABRIL 2023

Os libros de arte foron decisivos na historia da arte como soporte de creación, constituíndo un valor fundamental para difundor o traballo dos artistas, dando acceso, sen dúbida, a contidos ou ideas que complementan a expresión da súa obra. É por iso que, dende Galería Vilaseco promovemos a edición de publicacións e libros de artista e outros formatos que unen papel, texto e forma, ofrecendo deste modo outras maneiras de acompañar aos/ás artistas cos/coas que traballamos. Dende a nosa galería tamén nos gustaría afondar na importancia de pór en valor as edicións múltiples como discurso plástico en pro dun coleccionismo máis accesible e a apertura a abrir diálogos en torno á obra de diferentes creadores e creadoras que non sexan necesariamente coetáneos nin compartan discursos.

Edicións Vilaseco é unha mostra colectiva con edicións e publicacións de Álvaro Negro, Antonio Murado, Carla Souto, Gloria García Lorca, Irma Álvarez-Laviada, Manuel Vilariño, Regina Giménez e Rodríguez-Méndez.

Nesta exposición podemos atopar as últimas edicións e publicacións que foron presentadas en ARCOmadrid 2023, na sección ArtsLibris, e unha selección do fondo de galería. Así pois, atopamos unha peza de cerámica de Gloria García Lorca; unha serigrafía e unha alfombra de Regina Giménez; unha edición dun pendente da artista coruñesa Carla Souto; as augadas e o libro de artista de Álvaro Negro, publicado con motivo da exposición individual Traza; unha fotografía de Manuel Vilariño; un libro de artista de Antonio Murado; prints de Rodríguez-Méndez e unha escultura en DM e aglomerado de Irma Álvarez-Laviada.