Cuando ahora. Andrés Rodís

Inauguración: 19 de xuño, 20 h

 

Onde agora? Cando agora? Quen agora? Sen preguntarmo. Dicir eu. Sen pensalo.
Chamar a isto preguntas, hipóteses. Ir adiante, chamar a isto ir, chamar a isto adiante.
Samuel Beckett, O innomeable

(1) Un hórreo cun deseño pintado. Dous triángulos especulases en cada lateral, catro na fronte, onde está a porta. O lado vertical de cada triángulo está determinado pola altura do hórreo, e o vértice que fai que un (case) toque co outro, pola metade da lonxitude do hórreo. Na fronte hai catro, porque desde a porta, como elemento estrutural visible, nacen tamén triángulos (non é un centro morto, se ese fose o caso, entendo que tan só habería dous).
(2) Obras na terraza do baixo. As baldosas están cortadas por diagonais: trátase dunha xunta de dilatación ou de pendente que vai desde cada esquina da terraza ata un desaugadoiro colocado case no centro. O deseño visto desde arriba mostra dous triángulos especulases ou unha X.
(3) Construción auxiliar de ladrillo visible. Unha estrutura pequena, seguramente levantada polo mesmo propietario. Vese o ladrillo e hai zonas onde as filas se curvan, condicionadas pola forma do chan. Nun lateral vense nove pequenas fiestras ou respiraderos. O espazo do van (sen cristal) vén dado polo oco que queda ao colocar dous ladrillos, en V investida, sobre outro, conformando un triángulo.
(1,2,3) (Ata onde se estende a medida). Estes casos de intervención triangular son motivo dunha serie de pezas que asumen, desde un primeiro momento, a función de traslado. Triángulo repetido, daquela rombo, logo malla. Un lado é o alto do cadro. Outro lado chega case ata o seu centro. Pero rápido sucede o mesmo sobre un resto de lixa, sobre unha imaxe, sobre unha táboa. Os triángulos cambian de tamaño en función desa arquitectura. A súa altura, o seu centro: logo son levados a outros soportes onde se repiten, como unha fila de ladrillos. De aí ábrese un oco, e se se mira a través vemos o que permite a triangulación dos lados, fóra queda o resto (visible noutra parte). Non é que todos os cadros partan do mesmo motivo, máis ben participan dun mesmo movemento que estende e retrae a altura, a anchura e o centro de si mesmos e dos outros dentro de si mesmos. Levan consigo as medidas reais da arquitectura disgregada do taller, en tanto soporte e obxecto, milimétricamente. Triángulos en combinación, dilatados e dilatables, ao modo das xuntas: estruturas para e no movemento. Cando agora, como unha xunta, inscribir nun movemento inseparable. Entre o que se fai e o que nos será feito, hipotética, simultaneamente.