Being a person
Iris Schomaker, 2014
Vilaseco Hauser mostra unha selección dos últimos traballos da artista alemá Iris Schomaker, pezas en pequeno e gran formato que se expoñen sen marco, directamente sobre as paredes das salas deste centro, co fin de que se integren ao máximo no espazo, máis aló de límites establecidos. Sen o marco as súas pezas demandan espazo, queren ser vistas en e fóra do el.
A exhibición leva por título “ Being a person”, en referencia ás figuras femininas ou masculinas de trazos esquemáticos e angulosos que seguen poboando as obras de Schomaker, a medio camiño entre o abstracto e o figurativo. Dispostas sobre fondos brancos, nunca ofrecen trazos concretos e fálannos das aspiracións da artista por representar esencias: individuos en espazos baleiros, paisaxes e cabezas tapadas con bufandas ou panos resultan extraordinariamente depuradas e aluden tamén a certa fusión entre a natureza, o humano e o animal.
Os trazos individuais pérdense e quedan reducidos a xeometría sen ornamento; estas pezas transmiten tanta calma como aséptica distancia.
Para a alemá resulta fundamental, máis aínda que a temática representada, o proceso creativo de cada pintura: tenta explorar ao máximo as posibilidades do medio. Habitualmente debuxa os contornos das súas figuras en carboncillo buscando imprimir dinamismo ás liñas e deixando á vista do espectador o camiño transitado ata alcanzar as formas finais. Eses trazos os mestura con pintura: utiliza finas capas de acuarela, gouache ou acrílico e cóbreos con verniz. Se aplicou demasiada pintura, lixa ou limpa para poñer as súas figuras ao descuberto ao longo de todo o proceso, no que columnas de auga e pigmento caen intencionadamente pola imaxe para salientar o aspecto inacabado das súas obras. Os tons que máis comunmente emprega son brancos e negros, pero non rexeita azuis e verdes para enriquecer o resultado.