Ao meu pai

Teo Soriano

12 DECEMBRO 2024 – 21 FEBREIRO 2025

O meu pai, de Teo Soriano é unha homenaxe ao seu pai, Teodoro, quen, desde o grave accidente sufrido por Teo, coida da súa obra e do seu legado. O fai desde o vínculo que os une, pero tamén desde un amplo coñecemento da súa obra, xa que Teodoro asistía ao seu fillo durante o proceso creativo. Ao meu pai é tamén unha homenaxe a Teo, a unha vida comprometida coa creación ata niveis abafadores, a unha produción coherente e honesta que non deixa de interpelarnos.

As 12 pezas que conforman a exposición foron seleccionadas por Miriam Pérez, directora de Vilaseco, e por Álvaro Negro, artista e amigo íntimo de Teo. A creación invade cada unha das facetas de Teo, tamén a persoal, por iso é polo que as súas amizades sexan unha ligazón privilexiada para achegarnos á súa obra. Carlos Maciá, tamén amigo, xa reflexionara sobre ela no desencanto, sobre a tensión en cada unha das súas pezas, sobre a intensidade que invadía o taller. Agora son Miriam Pérez e Álvaro Negro os que crean un relato, un diálogo entre estas doce pezas que nos achegará á relación indivisible entre a vida e a obra de Teo Soriano.

A súa concepción da arte como un oficio, a insistencia como método, a súa obstinación en manterse no límite, en confiar no accidente e o intuitivo, quedan reflectidos nesta exposición. Ao meu pai é unha homenaxe sincera ao pai e ao fillo, un recoñecemento á xenerosidade de ambos; unha homenaxe, tamén, á arte e á rede de afectos que nos sostén aínda que nós xa non podamos.

TEO SORIANO

Teo Soriano estudou na Facultade de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra. Ampliou a súa formación académica coa asistencia a numerosos talleres en Galicia e Madrid entre os que destacan os impartidos por artistas como Lucio Muñoz, Rafael Canogar ou Eva Lootz. A súa primeira exposición, “As Algas”, tivo lugar na Coruña en 1985. A partir de aquí, a súa obra empeza a estar presente en exposicións individuais e colectivas en galerías, museos e centros de arte de toda España. Entre as súas mostras destacamos “A cara de tal”, Galería Trinta. Santiago de Compostela (2018), “27 negros” no CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (2014), “O bosquexo do Mundo” na Fundación #Luis Seoane da Coruña (2014), “Puntos de pintura” no Centro Torrente Ballester de Ferrol (2014), “Novas adquisicións” no CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (2013) ou “Cóbado manchado de azul turquesa” no Palacio de exposicións Kiosko Alfonso da Coruña (2011) comisariada por Asunta Rodríguez. Colaborou tamén con outras galerías como a Galería Marc Doménech de Barcelona, Galería Fernando Pradilla de Madrid ou Galería Guillermina Caicoya de Oviedo.

Na 2020 galería Vilaseco inaugurou “O desencanto”. Esta exposición, truncada despois de que Soriano sufrise un accidente, renovouse anos máis tarde grazas á axuda do seu pai, Teodoro, gran coñecedor do proceso creativo do seu fillo.

A súa obra estivo exposta en numerosas feiras nacionais e internacionais como Arco (Madrid), Art Chicago (Chicago), Art Madrid (Madrid), The Armory Show (N.E.)

O seu traballo forma parte de coleccións públicas como as do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, Fundación Barrié de la Maza, Junta de Extremadura ou Xunta de Galicia. Entre as de carácter privado destacan a Colección MICA, Colección Navacerrada ou Colección Ernesto Ventós. Pinceladas, texturas e xestos definen a obra de Teo Soriano. A pintura non só invade os lenzos ata desbordarse, tamén cada faceta da súa vida, porque a súa práctica era compromiso e verdade ata límites abafadores.