Antes, la fatiga

Rodríguez-Méndez

22 SETEMBRO – 01 DECEMBRO 2023

Antes, la fatiga consta dunha instalación escultórica en turba, unha serie completa de 24 fotografías inéditas en B/N e un libro de artista, editado e publicado por Vilaseco.

A turba é un material orgánico formado a partir de restos vexetais, escuro e esponjoso; amorfo, pero obstinado en ocupar tempo e espazo.

Para Antes, la fatiga , Rodríguez-Méndez encaixa na sala principal da galería dez estruturas flexibles recubertas de turba. As pezas aprópianse do espazo, encaixadas entre o chan e o teito da galería; ensucian e rabuñan, deixan pegadas e residuos: testemuños dos intentos errados, dos acertos.

Entre a acción e a escultura, as súas pezas xorden dunha desorde controlada; tensiona este caos consciente dun posible fracaso, porque é aí, nesa incerteza, onde atopa o equilibrio, onde se conforma a súa práctica. ​​

24 fotografías inéditas en branco e negro dispóñense na parede dunha segunda sala. Trátase dunha serie completa e inédita de Rodríguez-Méndez, plumas que o artista recolleu e dobrou polo talo, no mesmo lugar no que as atopou. Pero as dobleces no talo invalidan a única función da pluma; a procura de respostas queda interrompida, en cada imaxe, polo fracaso e a ferida. A peza finaliza, rendida, cando a intuición dá o discurso por esgotado. Hai incerteza e renuncia nestes finais que nunca son absolutos.

De aí o valor do libro de artista que pecha a exposición e que contén a serie completa das 24 fotografías das plumas. E, con elas, seis series máis de imaxes, en branco e negro e inéditas, que se distribúen nun libro composto por 7 cadernos pequenos de diferentes tamaños, que conforman unha escaleira. Cada unha delas é un chanzo, un golpe na porta, unha chamada, un novo intento de romper unha palabra.

Di Rodríguez-Méndez que todo pasou xa antes, somos corpos esgotados polas nosas insistencias, os nosos fracasos, pero empeñados no regreso. Antes, a fatiga, é un compendio de insistencias que xa foron, que crebaron a superficie e déixannos intuír, polo menos, o que hai alén.